A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, recibiu esta mañá unha carta asinada polo presidente de Capital Española da Gastronomía (CEG), Mariano Palacín, e o seu director xeral, Pedro Palacios, na que confirman que Pontevedra participará no proceso de selección das candidaturas ao galardón de Capital Española da Gastronomía 2023. Na súa misiva, os máximos responsables da distinción CEG, outorgada baixo o mecenado de Fepet (Federación Española de Periodistas y Escritores de Turismo), Hostelería de España, Turespaña, o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, o Instituto para a Calidade Turística e a Organización Mundial de Turismo, aseguran que estarán “encantados” en participar naqueles actos promocionais organizados por Turismo de Pontevedra e Pontevedra Capital Gastro durante a Feira Internacional de Fitur, que se celebrará en Madrid entre os días 19 e 23 de xaneiro.
O anhelo da nosa cidade de converterse en referente gastronómico nacional e de consolidar a súa marca Pontevedra Capital Gastro é, xunto coa súa oferta de turismo verde e o seu afianzamento como sede de grandes eventos deportivos, un dos elementos centrais da campaña que Turismo de Pontevedra presentará o venres 21 de xaneiro no Pavillón de Galicia en Fitur. Non obstante, na proposición de candidatura que a Concellería de Promoción Económica e Turismo lle remitiu aos responsables de CEG sublíñase que “Pontevedra ten tódolos ingredientes necesarios para ‘cociñarse’ como referente gastronómico galego, nacional e mesmo internacional” e faise fincapé nos gastroeventos e iniciativas postos en marcha no marco do proxecto Pontevedra Capital Gastro, “a receita” para acadar estes obxectivos: Festa das Cunchas (coa Batalla das Cunchas), Avoa Fest (co Desafío Filloa), ‘Mestizaxes, cociñas de ida e volta’, Capital Gastrolab, Mesa de Gastronomía, Premio Loureiro de Ouro, Banda Cociñas de Pontevedra…
A carta de Palacín (tamén presidente da Fetep) e Palacios lembra que Sanlúcar de Barrameda (Cádiz) ostenta desde o día 1 de xaneiro o título de CEG 2022, con vixencia ata o 31 de decembro, e que o actual proceso de candidaturas para 2023 “está aberto a tódalas cidades españolas”, polo que “como é habitual, en xullo remitiranse as cartas de invitación aos alcaldes das cidades relevantes no ámbito da gastronomía”, non estando prevista a elección ata outubro/novembro. En opinión de Yoya Blanco, “a candidatura de Pontevedra conta cuns argumentos gastronómicos e culinarios envexables para outras cidades e conta coa súa propia Banda de Cociñas e con padriños e madriñas de excepción, como o noso estrela Michelin Iñaki Bretal, o ‘masterchef’ Carlos Maldonado ou a investigadora e experta do Basque Culinary Center Eva Ballarín”, polo que non ten “ningunha dúbida de que estamos ante unha proposta gañadora”.