Unha píllara de ferro e vimbio convértese no símbolo do turismo sustentable polo que aposta o concello de Carballo

A Explanada é o punto de encontro entre Razo e Baldaio, e por iso foi tamén o lugar escollido para a instalación dunha píllara de ferro e vimbio que non será o símbolo da campaña “Eu quero Razo-Baldaio”, senón tamén do turismo sustentable polo que apostamos dende o Concello de Carballo para o noso litoral.

Unha vez completado o traballo realizado por un numeroso grupo de veciños e veciñas de todas as idades no obradoiro de cestaría impartido por Idoia Cuesta para cubrir con vimbio o “esqueleto” de ferro deseñado e construído polo artesán Fabián Lage, hoxe pola mañá puidemos trasladar á píllara ao seu hábitat.

Xunto aos creadores e os participantes nos obradoiros estiveron o persoal municipal que tamén colaborou no proxecto; o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, e o alcalde, Evencio Ferrero.

Tanto Fabián Lage coma Idoia Cuesta, que además de artesá é bióloga, destacaron a importancia de “concienciar á xente sobre a importancia de recoller o lixo”, tal como explicou o escultor. A súa compañeira de proxecto destacou, ademais, o traballo colaborativo que se levou a cabo, e aproveitou para reivindicar “a protección do ecosistema dunar e toda a contorna do litoral”. A píllara vai contribuír a ese obxectivo, porque ademais dunha escultura fantástica é un “contedor” de plástico, que hoxe mesmo empezaron a encher os participantes no acto.

“Elixiuse un animal icónico desta zona, combinando tanto a importancia do coidado desta especie coma das praias”, explicou o concelleiro Miguel Vales, que louvou o traballo dos artistas e tamén da veciñanza. Os parabéns para todas e todos tamén chegaron por boca do alcalde, que apelou á responsabilidade colectiva co medio ambiente. “O planeta temos que salvalo entre todos, e ou tomamos conciencia colectiva ou as agresións que se están facendo continuamente ao medio natural serán un grave problema”, insistiu Evencio Ferrero, que ademais animou aos usuarios das praias a utilizar os colectores e a respectar o hábitat natural das píllaras de verdade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *