“Goza do Ulla” reuniu a 135 sendeiristas que percorreron doce quilómetros entre fervenzas, capelas e paraxes naturais

O programa “Goza do Ulla”, que trata de poñer en valor e promocionar o patrimonio natural e cultural dos territorios bañados polas augas deste río, chegou o domingo a Valga coa ruta “Vistas do Ulla e afluentes”, que permitiu ás 135 persoas participantes achegarse a algunhas das paraxes máis fermosas do noso concello e a descubrir algunhas das xoias do seu patrimonio.
 
A ruta, circular e duns doce quilómetros de lonxitude, discorreu polas parroquias de Xanza, Setecoros e Valga. O punto de partida foi o albergue de peregrinos do Pino e, dende alí, os camiñantes percorreron, en sentido inverso, parte do trazado do Camiño Portugués en dirección Casal de Eirigo, pasando pola Capela da Saúde. Neste lugar, en 1809, os veciños plantaron cara ao exército de Napoleón na coñecida coma Batalla de Casal de Eirigo, da que cada ano se realiza unha recreación para lembrar aos heroes daquel fito histórico.
 
A partir deste punto, a ruta adentrouse en zonas de monte e arborado nas que gozar da natureza ata desembocar no lugar dos Martores. Alí, aos pés da Capela de San Mamede, estableceuse un punto de avituallamento no que os participantes puideron repoñer forzas con froita, bocadillos e auga, ademais de coñecer a historia deste monumento relixioso. Na zona, segundo algúns autores, estaría enterrado Prisciliano, o primeiro condenado a morte pola Igrexa por herexía. Foi decapitado xunto a dous dos seus discípulos, coñecidos a partir de entón coma “os mártires”, termo do que derivaría o topónimo da aldea (Os Martores).
 
Tralo pequeno parón, os sendeiristas (algúns acompañados polas súas mascotas) continuaron avanzando en pleno contacto coa natureza ata a zona de Raxoi, accedendo dende alí á ruta das fervenzas do río Valga, o principal afluente do Ulla no noso municipio. Nesta zona de gran beleza, a auga, o bosque de ribeira e os muíños restaurados convértense en compañeiros de andaina, baixando dende a fervenza de Raxoi ata a de Parafita a través de pasarelas de madeira.
 
Dende este idílico entorno, emprendeuse o regreso ata o punto de orixe para poñer punto e final a camiñada. O Concello manterá sinalizada a ruta durante un mes para que poidan realizala persoas que onte non puideron sumarse á xornada de “Goza do Ulla”. O primeiro sinal atópase xusto ao cruzar a ponte sobre a autopista, indo en dirección a Parafita.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *