A Concellería de Cultura de Valga ten xa pechada a programación da XXVII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, declarada de Interese Turístico de Galicia, que celebra o seu día grande o vindeiro 26 de agosto pero que contará con actividades relacionadas dende a vindeira fin de semana, tanto gastronómicas como culturais e lúdicas. Así, o sábado 19 a partir das 10:30 horas o xurado do concurso “Embelecer Valga” percorrerá os lugares acondicionados polas comisións veciñais participantes para comprobar o resultado dos seus traballos.
O luns 21 de agosto a Casa da Cultura de Valga acollerá ás 20 horas unha cata comentada de augardentes e licores tradicionais a cargo de catadores do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas de augardentes e licores de Galicia, unha iniciativa que estará seguida, ás 21 horas, dunha demostración de cociña con caña e unha sesión de coctelería. O xoves 24 terá lugar na Casa do Concello a partir das 20 horas a precata do Concurso da Caña do País, un certame ao que poden concorrer destiladores artesanais dados de alta no rexistro da Axencia Tributaria. Os interesados en participar aínda están a tempo. Deben acudir ás oficinas municipais a solicitar as botellas correspondentes e, despois, presentar os licores debidamente embotellados, xa sexa caña branca, tostada ou de herbas.
O prazo permanecerá aberto ata as 13 horas do día 24 de agosto. O produtor da mellor caña branca será gratificado con 300 euros, mentras que os primeiros premios dos licores de herbas e tostado ascenderán a 200 euros. Os segundos clasificados recibirán un trofeo e un diploma conmemorativo. O venres, 25 de agosto, tamén ás 20 horas celebrarase a cata definitiva na que se decidirán os gañadores do concurso. Nesta mesma xornada do día 25 a Escola de Teatro de Valga representará a obra “Repouso Absoluto” na Casa da Cultura ás 21 horas.
A fin de semana grande da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País arrancará ao mediodía do sábado 26 de agosto coa IV Ruta de pinchos “Tapa á anguía”. Os bares e restaurantes de Valga ofrecerán aos seus clientes coas consumicións tapas gratuítas cuxo ingrediente principal será este peixe típico do río Ulla e que poderán degustarse tanto o sábado como o domingo entre as 12 e as 16 horas e de 20 a 23.
O Parque Irmáns Dios Mosquera, punto neurálxico da festa, comezará a ter actividade a partir das 17 horas cun parque infantil de xogos e inchables e co obradoiro gratuíto para nenos “A cociña viaxeira” para o que se mantén aberto o prazo de inscrición ata o día 19 de agosto. Os rapaces participantes traballarán en grupos con cociñas e un supermercado para tratar de inculcarlles, por unha parte, a importancia dunha alimentación saudable e, por outra, a do traballo cooperativo.
Será un espazo para a aprendizaxe, axudando aos nenos a coñecer os tipos de alimentos e a traballar con eles para elaborar diferentes pratos e postres. Arredor das 18 horas comezará unha das propostas novidosas desta edición da Festa da Anguía e Mostra da Caña, o concurso “Buscando Anguías”, no que os participantes aspirarán un dos tres premios en metálico que establecen as bases e que suman, en total, 600 euros.
Disputarase nunha zona acoutada do Parque Irmáns Dios Mosquera e tamén neste caso o prazo de inscrición estará aberto ata o día 19. Trátase dun xogo por equipos no que haberá que superar unha serie de desafíos para chegar ata a “Anguía de Ouro”. A actividade estará dividida en fases. Na primeira, os participantes enfrontaranse a distintas probas para intentar conseguir todas as pezas dun crebacabezas. Os cinco equipos que logren máis pezas ou que as consigan todas en menos tempo serán os que opten aos premios en metálico ao clasificarse para a fase final. Nesta terán que elixir, por orde de clasificación, entre cinco chaves que abren outros tantos cofres. Pero só un eles agocha a Anguía de Ouro, o maior premio do xogo, xa que está dotada con 300 euros.
A Anguía de Prata reportará ao equipo que a atope 200 euros e a de bronce 100 euros. O resto de participantes recibirán tamén agasallos e premios, aínda que menores. A actuación do grupo folclórico Algueirada de Pontecesures ás 19 horas dará paso, media hora despois, ao comezo da exaltación da caña do país, co encendido das potas e unha demostración de destilado a cargo dos “cañeiros” máis representantivos do municipio. Fermín Rodríguez, Antonio Santiago e José Manuel Rodríguez serán os encargados de demostrar como, co bagazo Valga, se produce unha das mellores augardentes de Galicia. Os actos protocolarios desenvolveranse a partir das 21:30 horas e serán presentados polo director de Radio Valga, Héctor Bermúdez.
Entre outras cousas, entregaranse os premos dos concurso da Caña do País, Embelecer Valga e Buscando Anguías. Será despois cando se dea paso á degustación dos produtos centrais da festa. Os asistentes poderán saborear ata catro preparacións distintas de anguía: gyozas recheas con este peixe, guiso de anguía, tacos e anguía frita tradicional.
Son arredor de 500 os quilos deste produto que o Concello destina a esta degustación popular e pon tamén a disposición dos bares para que preparen os pinchos da ruta “Tapa á Anguía”. Ademais, as persoas que acudan á festa poderán probar distintos cócteles elaborados a con caña do país ata final de existencias. Xa de noite, a música cobrará protagonismo nas actividades festivas. Primeiro cun concerto da Banda de Música Municipal de Valga e, despois, coas actuacións das orquestras Panorama e Alkar. Á 1 da madrugada farase un parón para preparar unha queimada popular e gozar cun espectáculo de Troula Animación.
Pincha aquí para ver a programación