A concelleira de Cultura, Lorena Couso Dopazo, e o concelleiro de Festexos, Ángel Rodríguez Conde, presentaron hoxe a programación lúdica e cultural da Romaría do Santiaguiño do Monte, que incluirá máis de 30 actividades entre os días 18 e 25 de xullo. As actividades arrancarán o mércores 18 ás 22.00 horas cunha exhibición da escola de baile El Tomasón na Praza de Macías e rematarán o mércores 25 de xullo ás 22.00 horas cun concerto do grupo Los Tres Soles del Paraguay na zona do Espolón.
Entre ambas datas haberá actuacións musicais de múltiples estilos con grupos como Mala Hora, Mad Martin Trío, Bush Doctors, Rocking for tangas, Radio Zapa, Blue Monk Trío; Grandín, Tom & Reverendo; Jorge Casal y los Perros de Nadie, Copa Turbo, Bakin Blues Band, a Banda Municipal de Padrón ou o grupo folclórico Rosalía de Castro.
Tamén están previstas actuacións teatrais e infantís (Os tres porquiños, Os Rockenstein e Shira e Robot) e un espectáculo de maxia co Mago Teto. Os días centrais das celebracións serán o martes 24 e o mércores 25 de xullo. O día 24 ás 13.00 horas está programada a Misa do Peregrino na igrexa parroquial de Padrón, ao remate da cal o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, procederá á entrega do galardón «Padrón, Berce do Xacobeo» ao estudoso do Camiño de Santiago Manuel Garrido, que converterase no II Peregrino de Honra tralo nomeamento o ano pasado de Pepe Domingo Castaño.
Xa polo serán, ás 20.30 horas comezará o tradicional Derbi Asnal polas rúas de Padrón e, pola noite, actuarán na Praza de Macías Leilía (22.30 horas), Budiño (24.00 horas) e Mayor Tom (1.30 horas). A xornada do mércores 25 de xullo comezará ás 10.00 horas con pasarrúas a cargo de grupos de gaiteiros e ás 10.30 horas arrancará a procesión coa imaxe do Santiaguiño desde a igrexa parroquial, acompañada polos grupos O Pedrón, Rosalía de Castro, San Pedro de Carcacía, Brisas do Ulla, Xoldra, Os Breas, Os Mersenarios, Pedra Quente e Algueirada, que animarán a romaría durante todo o día. A misa principal do día, ás 13.00 horas, será cantada pola Coral Polifónica Padronesa e ao seu remate comezará unha gran sardiñada co reparto gratuíto de sardiñas e pan de millo.
Pola tarde, a partires das 16.00 horas están previstas actividades de animación e xogos familiares, ademais dunha festa da escuma ás 18.00 horas. O concelleiro de Festexos, Ángel Rodríguez Conde, destaca que haberá servizo de transporte adaptado para que tódalas persoas con mobilidade reducida poidan subir e/ou baixar desde a Romaría do Santiaguiño.