O Belén Artesanal xa está en movemento. O alcalde, José María Bello Maneiro, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a presidenta da asociación Amigos do Belén, Mari Carmen Castiñeiras, inauguraron esta tarde o nacemento, nunha edición marcada sen dúbida pola pandemia pero tamén pola celebración do 25 aniversario desta actividade, a máis representativa do Nadal en Valga.
Un curso de manualidades celebrado en 1995 e no que os participantes elaboraron un pequeno Belén con figuras de escaiola foi a orixe dun dos nacementos de máis sona da nosa comunidade e de toda España, non en balde foi declarado en 2013 de Interese Turístico de Galicia e dende o Concello estase a tramitar o distintivo de Interese Turístico Nacional. “Estes 25 anos deron para moito, moito traballo e moitas alegrías. Nunca imaxinamos chegar a onde estamos e ser referencia en Galicia e en España”, dixo Mari Carmen Castiñeiras durante a inauguración.
Debido ás restricións sanitarias, o acto de apertura celebrouse a porta pechada, coa participación das autoridades, os integrantes de Amigos do Belén e os párrocos Arturo Lores e Manuel Míguez. Este último foi o encargado de bendicir a renovada montaxe. O alcalde trasladou a Amigos do Belén as felicitacións de todos os valgueses porque “unha vez máis, e a pesar das dificultades deste ano, lograron que todos nos sintamos orgullosos do seu traballo. Nava Castro sinalou que “o goberno de Galicia tamén se sinte parte do Belén de Valga e presume del como unha das actividades máis representativas do Nadal na nosa comunidade”. Unha vez rematado o acto, o nacemento abriuse ás visitas, sempre baixo as medidas de seguridade hixiene ditadas polas autoridades sanitarias.
Nos seus 400 metros cadrados de superficie, o Belén Artesanal conta con arredor de 4.500 figuras feitas todas de xeito artesanal, así coma as construcións e edificios, algúns deles réplicas de infraestruturas públicas de Valga, coma a Casa do Concello, o Auditorio Municipal, o Museo ou o Centro de Interpretación da Caña do País. O nacemento do Neno Xesús, a escena central da montaxe, comparte espazo con outras secuencias propias da tradición de Nadal, con paisaxes e costumes galegas, con acontecementos de relevancia mundial e persoeiros dos ámbitos político, cultural e social. Moitas das escenas están dotadas de movemento.
Esta edición ten como novidade principal a pandemia da Covid-19, que está a marcar a actualidade durante todo este ano. A recreación da pandemia ocupa toda unha sección do Belén, relatada coma un conto dende que chegaron dende Wuhan as primeiras noticias dun novo e descoñecido virus. Un hospital no que o personal sanitario traballa arreo para curar aos pacientes infectados; o Covid-Auto, as probas diagnósticas nas que os hospitais galegos foron pioneiros; as residencias de maiores tan afectadas polo virus; ou a compra compulsiva de papel hixiénico nas primeiras semanas da pandemia copan o protagonismo nun nacemento no que as máscaras faciais son xa un complemento máis das figuriñas.
No apartado político unha das principais novidades é a vitoria electoral de Joe Biden en Estados Unidos. Tamén se renovan algunhas das escenas protagonizadas por “celebrities”, co enfrentamento entre Isabel Pantoja e o seu fillo Kiko Rivera coma principal expoñente. A medio camiño entre estes dous ámbitos, o nacemento recrea a famosa fotografía do na que o Rei Emérito prepara unha churrascada xunto ao fillo de Corina.
En clave local, incorpóranse os novos centenarios do municipio: Regina Grela Fernández e Hipólito Cerqueiras Pardal, que este ano acadaron o século de vida. Únense así a María Josefa Senín Otero, que ten 102 anos, e María Bouzas Senín, a avoa de Valga con 104. Tamén se recoñece entre as figuriñas ao mozo Ismael Navaza Eiras, con orixes en Valga e que acaba de proclamarse subcampión de España júnior de ximnasia rítmica.
A sección de deportes é unha das máis renovadas, co novo triunfo de Rafa Nadal en Roland Garros ou a frustrada saída de Messi do Barcelona. Os falecementos de Maradona, Michael Robinson e Kobe Bryant son outras das noticias deportivas que se inclúen na montaxe. Non son únicos persoeiros falecidos aos que se lembra no Belén, xa que tamén están representados Lucía Bosé, Rosa María Sardá e Pau Donés. Pero a principal homenaxe póstuma desta edición recae en José Ramón Rial Becerra, “Mon”, funcionario do Concello e membro do colectivo Amigos do Belén, tristemente falecido este verán. Para el tiveron palabras de lembranza o alcalde e a presidenta da asociación. “Era unha persoa moi querida polo seu traballo, dedicación e entrega. É unha falta importantísima para todos nós”.
O Belén Artesanal estará aberto ao público ata a o día 10 de xaneiro en horario de 17:30 a 20:30 de luns a venres, de 17:00 a 20:30 os sábados e de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 os domingos e festivos.
La verdad es precioso yo voy todos los años a verlo.Y éste año me gustaría ir también pero no se si nos dejarán.☹.Un saludo a todos los qe lo preparan qe son fabulosos y me encantan son geniales. .